o miolo

o furancho de juan. covas

Seguimos a nosa dura peregrinaxe polos furanchos, loureiros e demais especies do Salnés. Contamos, coma sempre para esta penosa tarefa, coa inestimable compaña de Luis e Luz. Nesta ocasión tamén de Carmen (filla).

Furancho de Juan 02     Furancho de Juan 03

O de Juan foi o primeiro furancho de Covas ao que fomos, xa vai para catro ou cinco anos. Gardaba unha moi boa impresión que onte confirmei dun xeito rotundo.
O de Juan é o primeiro dos furanchos de Covas segundo as explicacións que vos daba naquela entrada sobre Os furanchos de Covas (primeiro, a dereita). Tamén é o que está máis próximo ao aparcamento.

Furancho de Juan 04     Furancho de Juan 05

Decoración rústica e coidada; expón, nas paredes, diferentes trebellos antigos relacionados coa cultura tradicional do campo, do viño, etc.
Ten varios espazos e comedores diferentes e un agradable exterior baixo parra. Son moitas mesas pero, se chegas máis alá das dez,  non é raro ter que esperar.

Furancho de Juan 06

Oferta típica de furancho: viños branco Albariño e tinto Barrantes, e tortilla, polbo, calamares, lombo con patacas e pementos, etc. Ademais do queixo con marmelo, algo de agradecer, non moi habitual nos furanchos, algún doce caseiro (flan de ovo e flan de café).

Furancho de Juan 11  Furancho de Juan 09   Furancho de Juan 13

Pedimos a tortilla, calamares e lombo (adubado).
Calquera das tres, deliciosas.

Furancho de Juan 14     Furancho de Juan 15

Un prato pequeno de quixo con marmelo e dous flans de café.
Saímos á media normal dos furanchos: entre os oito e os nove euros por persoa.
Pero, para facervos unha idea, aí van algúns prezos concretos: as racións que tomamos, calquera das tres, a 7 euros; o viño para catro (unha palomita mediana), 4,5€; as sobremesas a 1,5€, os refrescos a 1,2 e cada café (como é normal, de pota) a 1 euro (as pingas de augardente branca por conta da casa).

Furancho de Juan 08

Hei dicir, sen que ninguén se me ofenda, que é o meu número un dentro dos furanchos de Covas.
No caso de ampliar o campo a todo o Salnés, e a día de hoxe, tamén o colocaría nun primeiro lugar, pero neste caso empatado con algún outro (A Ruda, O Lourancho)

O Furancho de Juan
Aldea de Abaixo 14
Covas
(36638) Meaño
986 747314
626 667 747
GPS: 42º28'42"N  08º46'41"W
Localización en Mapas de Google