O restaurante Flor de Sal está en Mirandela, en zona de transición entre o Douro e Tras-os-Montes, rexión de especiais cualidades para o cultivo das oliveiras.
Estamos ante un local especial nun espazo privilexiado, no parque Dr. José Gama, a carón do río Tua que aquí vai cheo e fermoso coma poucos.
Decoración sobria e moi agradable, con escasas pero notables concesións á contorna. Tres espazos diferenciados, o comedor, minimalista, unha zona de estar con aires de bar de copas, e a terraza, colgada literalmente sobre o río.
Carta ampla con constantes retrincos á zona. Menú de degustación e Menú de mercado; este último consta dun entrante (hoxe Sapateira recheada sobre torrada de azeite, 3,20€), unha pasta (Tagliatelle de salmao, 7,80€), un peixe (Bacalhau assado no forno, 8,60€), unha carne (Empadao de carne, 8,20€) e unha sobremesa (Bolo de chocolate, 2,20€). En base a esta oferta e prezos cada quen concreta o seu propio menú.
Optamos por un atípico menú de degustación (35€ persoa), acompañado dun suplemento de viños ‘sugestão do escanção’
A ‘viaxem pelo mundo dos aromas e sabores em Terras Trasmontanas’ comeza coa proba de dous tipos de olivas aliñadas e unha degustación de aceites; para os entretementos, así como as entradas, o viño é un espumante branco, Quinta do Ferro, de Baião, zona do Douro; cumpre sen maiores pretensións.
O saúdo do chef consiste en Tosta de salmão afumado con queijo Philadelphia; ben, sinxelo e previsible pero ben. O entrante do menú é unha Terrina de rabo de polvo das bruxas, crocante integral de sésamo e pesto de salsa; moi bo, o polbo perfecto, os acompañamentos xeniais. Quizá do mellor do menú.
Para os peixes o viño é un branco do Douro: Quinta de Mosteirô.
Bacalhau confitado em aroma de trufa e azeitonas com migas tomatadas e creme de coentros. Bochechas de vitela, cuscos de miscaros selvagens e molho de queijo Terrincho. Mellor o bacallao; da carne, sensacionais os acompañamentos, pero sabedes que cada vez somos menos carnívoros e esta era realmente contundente; para acompañar, un tinto da rexión, de Mazedo de Cabaleiros, Porta Velha. No medio, e para refrescar, unha Espuma de vinho do Porto e limão de auténtico luxo.
Pudim de azeite com tapenade doce e gelado do lagar. Sen dúbida o prato que máis se identifica co local; o pudin, marabillosamente empelagoso, esencia de doce portugués, e o xelado, co seu fío de aceite virxe, único e saborosísimo. Gran xogo de sabores e texturas. De acompañamento un Porto Ruby New Poort; normaliño.
En definitiva, unha gran comida -os viños o máis dubidoso pero axustados ao prezo- pola que pagamos cen euros dúas persoas.
Algo ten que ter o Flor de Sal para manterse no lugar que ocupa na restauración do norte de Portugal contando con que Mirandela non é paso habitual para os portugueses e para nós, os galegos, agás os da raia, cáenos moi a desmán.
Nas miñas recompilacións de restaurantes portugueses e do seu tratamento polas guías (ver entrada), o Flor de Sal sempre ocupa un lugar de privilexio con presenza na maioría das guías (José Silva como destacado, recomendado pola Michelín, posto 84 da lista dos mellores da Mesa Marcada, Garfo de Ouro da Boa Cama Boa Mesa).
Restaurante Flor de Sal
João Paulo Carlão
Parque do Dr. José Gama
Mirandela (5370)
Tel: 278 203 063
Móbil: 912 583 982
Fax: 278 257 381
flordesal@hotmail.com
Web
GPS: 41° 29' 10.21"N 7° 11' 11.66"W
Localización en Mapas de Google
Guía Michelín: Si
Boa Cama Boa Mesa: Garfo de Ouro
Guía de José Silva: Recomendado
Mesa Marcada: Lugar 110 entre os restaurantes de Portugal