o miolo

crise? quen dixo crise?

Botando atrás a vista sobre as entradas deste voso blog, non é difícil constatar a tremenda caída de referencias a novos restaurantes.
Uns poucos locais de tipo medio, unha chea de furanchos e establecementos low cost, algo de Portugal… e moito marear a perdiz arredor desta puñeteira crise.

O muiño do ferreiro 12  O muiño do ferreiro 13

Para a maioría dos petos de a pé (os nosos, os vosos, non os deles), aquilo de restaurantes de a sesenta, setenta e mesmo a cen euros o cuberto queda para saborear non máis que na memoria… ou no mellor dos casos, os máis afortunados, para un día especial (un, non máis) ao longo de todo un ano.

Cohete Naddock 1107

Pero non creades, nos últimos meses, e ademais dese par que si mereceron entrar no blog, aínda pasamos por unha ducia deses locais que, sendo maioría, ocupan o terreo de ninguén: refírome ao mundo dos restaurantes que andan, arriba-abaixo, arredor dos 35€ comensal. En concreto, o último foi un novo italiano en Vigo onde pagamos algo máis dos 25 euros por cabeza; o anterior, en Riveira, con Luis e Luz, disque un clásico do peixe e o marisco local; saímos a 35 euros por persoa, e iso que o único marisco que cheiramos foi o de tres mesas máis alá da nosa.
A gran maioría non pagou a pena; non merecen a miña particular recomendación e mellor tería sido quedar na casa; non compensan, especialmente cando hai que medir moi-moito os nosos diñeiros; é, coma quen di, como quen bota os cartos polo retrete.

A Parada das Bestas 18

Ocórrenseme dúas opcións de futuro para enfrontar a crise no noso caso concreto.
Por unha banda, seleccionar a fondo e con criterio as poucas comidas ou ceas fóra da casa.
Xa que saímos a gastar os poucos cartos que nos quedan despois de pagar a hipoteca, a luz, a gasolina, a barra de pan de cada día, que cando menos a saída nos compense, que sexa satisfactoria. Para achegarme a esta utopía ando en plena investigación coa pretensión (e lembro: pretensión: vaidade, fatuidade, presunción ridícula) de tentar resumir nun listado os restaurantes máis recomendados en Galicia.
Ou sexa, algo así como o que xa fixemos para o norte de Portugal (Comer no norte de Portugal segundo as guías).
Neste caso trátase de contrastar e seleccionar aqueles restaurantes nos que coinciden os máis sibaritas (as guías gastronómicas, Respsol e Michelín) e os usuarios normais, xente coma nós (en principio, TripAdvisor e Verema).
Mantereivos informados.

Vaova Santiago 09

En segundo lugar está a opción deses locais que sempre resultan agradecidos: aqueles nos que, atopando sabores auténticos, a carteira non queda tiritando.
Nunha próxima entrega falareivos máis polo miúdo desta apetecible posibilidade e dunha experiencia que tiven a semana pasada nesta liña.