o miolo

Unhas breves liñas sobre este utilísimo 'Dicionario de alimentación e restauración'.

image

Desde que din con el, utilízoo a cotío para resolver dúbidas cando escribo estas liñas.
Hoxe, sen ir máis lonxe, para clarificar unha vez máis todo aquilo de lagostino, langosta, lumbrigante, bogavante, etc.

Trátase dun dicionario monolingüe do galego, con tradución dos diferentes termos ao castelán e ao inglés. Recolle, aproximadamente, 3000 palabras do vocabulario culinario e gastronómico, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalencias en castelán e 3500 en inglés. Recolle termos referidos a alimentos, bebidas, produtos, condimentos, utensilios, técnicas culinarias...

Está elaborado ao abeiro da Real Academia Galega da Lingua, editado pola Xunta, coordinado polo académico Manuel González e desenvolvido por unha decena de especialistas.

image

Inicialmente dirixido aos profesionais da restauración, semella unha ferramenta case que imprescindible para normalizar o galego nun campo do que tan difícil resulta substraerse como este da gastronomía.

O Dicionario de alimentación e restauración pode consultarse en liña ou ben descargarse, en formato pdf, desde o seguinte enlace (pinchar na imaxe):

image

Como adianto, e para abrir boca, algúns exemplos copiados textualmente:

Confeitar(3) v.t. Cociñar certos alimentos, especialmente carnes, a pouco lume e na súa graxa ou zume para conservalos durante máis tempo.
es confitar
en confit

Fiúncho s.m. Planta herbácea de talo erecto e ramificado, follas alternas e filiformes, flores amarelas en umbela e froito ovoide, moi aromático e de sabor doce, da que se utilizan principalmente os froitos como condimento ou en infusión.
gl fiollo
es hinojo
en fennel
NC Foeniculum vulgare

Loureira branca loc s.f. Uva branca autóctona de Galicia, de pequeno tamaño, forma esférica e pel grosa de cor verde amarelada, utilizada especialmente para a elaboración dos viños das DO Rías Baixas, Ribeira Sacra e Ribeiro.
gl marqués
es loureira blanca
es marqués
en loureira branca

Lumbrigante s.m. Crustáceo decadópodo similar á lagosta, pero de corpo subcilíndrico, co cacho liso, de cor negra azulada con numerosas manchas amarelas, e dúas pinzas de gran tamaño e desiguais no primeiro par de patas.
gl cereixo
es bogavante
en lobster
NC Homarus gammarus

Saximi s.m. Suxi elaborado con tiras finas de peixe ou marisco crus, acompañados xeralmente de salsa de soia, xenxibre ou wasabi.
es sashimi
en sashimi

Tixola s.f. Recipiente de forma circular, máis ancho ca fondo e provisto dun mango que se emprega principalmente para frixir.
gl panela
gl frixideira
gl fritideira
gl sartaña
es sartén
en frying pan

Que o disfrutedes, que verdadeiramente paga a pena...